Manxadoira é una Banda de Gaitas da localidade pontevedresa de Bueu.
Naceu no ano 1993, tras a escisión do chamado Grupo de Gaitas Villa de Bueu.
O seu primeiro ensaio, xa como Banda de Gaitas Manxadoira, foi o 1 de outubro de 1993, baixo a dirección de Anxo Gago “Lito”.
Durante 8 meses de intenso traballo, a Banda preparouse para crear un repertorio que presentar o 17 de maio de 1994, Día das Letras Galegas, na que sería a súa primeira actuación.
No ano 1996, a Banda participou por primeira vez na Liga Galega de Bandas de Gaitas comezando na cuarta categoría; en posteriores edicións gañaría importantes premios ata acadar a primeira categoría.
Polo 10º aniversario do nacemento de Manxadoira, a Banda organizou una exposición sobre o mundo da música tradicional, a cal foi moi aplaudida polos mellores críticos da materia.
No ano 2005, Manxadoira foi convidada ao Festival Intercéltico de Lorient (Francia), o festival da música celta máis importante do mundo, o cal foi una grande experiencia para os compoñentes da Banda. Esta viaxe fíxoa da man da Banda de Gaitas Xarabal de Vigo.
Durante ese mesmo ano, Manxadoira tamén estaba gravando o seu primeiro CD, porén, decidiron pospoñer a gravación para poder preparar a súa viaxe a Francia. Tras a súa volta, retomouse a gravación e o CD foi estreado no 2006.
Dende o ano 2007 Marcos Campos Pereira ocupa o lugar de “Lito” como director de Manxadoira.
Ao ano seguinte de se retirar “Lito” como director, a Banda organizoulle una homenaxe en forma de semana cultural durante a cal publicouse o libro “Anxo Gago, Manxadoira e a música tradicional” do periodista Álvaro Agulla.
En setembro do ano 2012, Manxadoira publicou o seu segundo CD, titulado Pedra Moura.
Todos os anos Manxadoira organiza polo mes de xullo o Festival de Alborada, traendo como convidados a coñecidos músicos e grupos do folclore galego como por exemplo: Ardentía, Riobó, Meiramar Axóuxeres, Pelica de Can, Susana Seivane, Crema de Gaita, Xiaia, Luís “o Caruncho”, e moitos máis.
A Banda está moi comprometida coa música tradicional e a súa difusión; por esta razón, actualmente organiza entre outras actividades, visitas didácticas aos colexios da localidade bueuense.